A Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT) é un Centro de Apoio á Investigación dependente da Vicerreitoría de Investigación desta Universidade que proporciona as infraestruturas necesarias a pe de mar para prestar servizos de apoio á investigación en ciencia mariña, incluíndo o aluguer de instalacións e materiais, a cría e suministro de especies mariñas, o apoio a actividades de investigación no medio mariño, a toma de mostras ambientais, a determinación de parámetros físico-químicos de augas in situ e en laboratorio, a execución de bioensaios para determinación de contaminación química en augas e sedimentos mariños, e o procesado de mostras histolóxicas. A xestión centralizada da ECIMAT permite a racionalización na explotación dos seus recursos e a óptima oferta de servizos a ésta e outras universidades e centros de investigación públicos ou privados.
Os servizos da ECIMAT son xestionados e atendidos por persoal técnico especialista altamente cualificado e con longa experiencia profesional nos eidos da acuicultura, o medio mariño e os ensaios de laboratorio. As máximas dos nosos servizos son a excelencia científica, a calidade profesional, e a proximidade e interacción continua para garantir a satisfacción dos nosos usuarios/clientes.
En consecuencia, a Dirección da ECIMAT, consciente da importancia de prestar un servizo de calidade, ven de lanzar o deseño e a implantación dun Sistema de Xestión da Calidade conforme aos requisitos da norma UNE – EN ISO 9001, e establece as directrices da súa política en materia de calidade sobre os seguintes obxectivos xerais:
- Proximidade: Atender as necesidades dos usuarios/clientes mediante unha intensa e constante comunicación, e garantir o seguimento da satisfacción dos mesmos sobre o desempeño da organización.
- Excelencia: Buscar sempre o mellor e máis actual nivel científico tanto no desenvolvemento dos traballos solicitados como na súa preparación e deseño.
- Calidade: Promover sempre a calidade técnica dos traballos, mediante a correcta mantenza dos equipos e formación continua do persoal.
- Definir periodicamente obxectivos de calidade como ferramenta para garantir o compromiso de mellora continua.
- Garantir a dispoñibilidade dos recursos necesarios para a adecuada prestación dos servizos e a consecución dos obxectivos da calidade.
- Garantir a difusión da Política de Calidade e dos documentos do Sistema de Calidade a todo o persoal, asegurando a súa implementación no traballo diario.
Ricardo Beiras García-Sabell
Director da ECIMAT